A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte dispón dun Plan de Acción Titorial que ten como obxecto informar e orientar ao novo estudantado sobre cuestións académicas e/ou profesionais, facilitar o proceso de adaptación do ensino de procedencia á universidade e fomentar a súa participación nos distintos ámbitos da vida universitaria.

Os obxectivos do Plan de Acción Titorial do máster diríxense a atender as tres dimensións básicas da Orientación descritas na introdución, adaptadas á especificidade e necesidades do estudantado do máster. Propóñense pois tres obxectivos básicos:

  • Facilitar unha orientación persoal para favorecer o axuste persoal, a atención ás necesidades específicas de apoio educativo e o axuste grupal do estudantado
  • Realizar unha orientación académica continua ao longo do máster que permita ao estudantado o coñecemento da estrutura e funcionamento deste, a toma de decisións acerca do Prácticum, o procedemento de realización e redacción do Traballo Fin de Máster (TFM), a optatividade ou as oportunidades de formación complementaria
  • Orientar ao estudantado con relación ao ámbito profesional: a habilitación para o exercicio profesional que proporciona o máster; as saídas profesionais do título e das institucións e centros para o exercicio profesional, redes de contacto e intercambio de información profesional

Para atender aos obxectivos expostos realízanse unha serie de actuacións grupais:

  • Sesión de acollida e presentación do máster
  • Sesión de presentación do Practicum
  • Sesión de presentación do TFM
  • Sesión de orientación sobre saídas profesionais

Así mesmo existe unha serie de actuacións de atención individualizada (AAI), destinadas á orientación persoal, académica e profesional do estudantado. Estas titorías AAI son levadas a cabo ao longo do curso académico por docentes aos que se lles asigna ao principio de cada curso un certo número de titorandos. Tal asignación publícase no espazo común de estudantado da plataforma MooVi.